O alumnado de 1º a 3º máis a aula de 5ºC de E.P. participaron na decoración dos tradicionais marcapáxinas e no seu intercambio por donativos entre os seus achegados. Entre todos e todas conseguimos xuntar 934,50 € que irán destinados a axudar e defender o dereito á educación dos nenos e nenas refuxiados rohingya.
Algúns datos...
Quen son os rohingya?
Os rohingya son unha etnia que vive no norte de Myanmar (antiga Birmania). Son musulmáns e, por esta razón, son perseguidos e expulsados ao país veciño, Bangladesh, en concreto aos campos de refuxiados de Cox's Bazar. Levan a sufrir represalias desde 2017. Myanmar non os considera cidadáns e actúa contra eles con violencia e a única solución que atoparon foi fuxir e depender da solidariedade internacional.
E agora, coa COVID-19, como viven?
Os rohingya viven amoreados, porque o distanciamento social e o autoillamento non son posibles. Os seus refuxios son de bambú e lona. As prácticas de hixiene máis básicas, como o lavado frecuente de mans, son complicadas porque a auga limpa escasea. Para estas persoas todo é máis difícil agora.
Cal é a labor de Save the Children?
Save the Children conta con 100 traballadores e traballadoras sanitarias. Proporcionan información, atención e servizos de saúde nun centro de illamento para COVID-19, con apenas 20 camas para coidados críticos. Coidan da nutrición, educación e protección das nenas e nenos refuxiados rohingya. 40% destas nenas e nenos refuxiados teñen medo de morrer ou perder un familiar por mor da COVID-19 e calcúlase que o 70% das nenas e nenos precisan acceso a saúde mental.
Por todo isto e por demostrar que o Ponte dos Brozos é un cole solidario...MOITÍSIMAS GRAZAS!

No hay comentarios:
Publicar un comentario