O día 11 de febreiro é o Día Internacional da Nena na Ciencia, data que se elixiu para recoñecer o rol crítico que xogan as mulleres e as nenas na ciencia e a tecnoloxía.
A pesar de que a ciencia e a igualdade de xénero son fundamentais para un desenvolvemento sostible a presenza das mulleres segue a ser minoritaria xa que, segundo a UNESCO, menos do 30% das persoas investigadoras son mulleres.
Co gallo disto levamos a cabo un pequeno experimento co que queríamos comprobar como imaxina o noso alumnado que é o mundo da investigación científica.
Expómoslles a seguinte imaxe e pedímoslles que debuxaran que persoas cren que traballarían neste laboratorio que está centrado en investigar novas menciñas para mellorar a nosa saúde.
Imaxinarán laboratorios cheos de mulleres e homes científicos ou reflectirán esa diferenza real entre ambos sexos?
Participaron un total de 247 nenos e 270 nenas e estes foron os resultados:
Máis da metade dos nenos debuxaron só homes no laboratorio, seguido dun 44% que imaxina que tanto homes coma mulleres traballan na investigación científica. Só o 3% debuxou mulleres exclusivamente.
En canto as nenas máis da metade (un 54%) reflicte que o traballo nese laboratorio lévano a cabo tanto mulleres coma homes, seguido dun 39% que imaxina só a mulleres nesa labor. Só o 7% debuxou a homes exclusivamente.
A igualdade de xénero ten que seguir a ser un tema educativo relevante. O empoderamento de mulleres e nenas e acadar unha verdadeira igualdade de xénero contribuirá de xeito decisivo ao progreso de toda a sociedade e contribuirá nas metas propostas da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible.
No hay comentarios:
Publicar un comentario