Mostrando entradas con la etiqueta convivencia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta convivencia. Mostrar todas las entradas

domingo, 20 de marzo de 2022

MANIFESTO POLA PAZ

O pasado venres xuntámonos para ler o manifesto pola paz que se elaborou desde as Rede de Escolas Asociadas da UNESCO da que formamos parte. 

Como é posible que unha nova guerra se desencadee en Europa despois de sufrir dúas guerras mundiais?.

Por que unha vez máis debemos facer fronte ao fracaso da convivencia?.

Non hai nada que xustifique o padecemento do pobo de Ucraína pola invasión e ataque de Rusia, un acto que viola o dereito internacional, a convivencia pacífica e o diálogo. Non debemos esquecernos doutras guerras invisibilizadas (Xemen, Palestina, Sáhara, Siria, Iraq ou Libia)  porque poñen en perigo a toda a humanidade.

A guerra tamén ameaza directamente o dereito á educación das nenas e dos nenos. NON DEBEMOS ESQUECER XAMAIS QUE A EDUCACIÓN É UN DEREITO UNIVERSAL E O ACESO AO COÑECEMENTO DEBE SER PÚBLICO. A educación é a ferramenta que garante un futuro equitativo, xusto, libre, sustentable e pacífico.

Por todo isto a Rede de Escolas Asociada da UNESCO quere sumarse ao NON A GUERRA, pide ás Nacións Unidas e aos países que freen esta violencia, que abran mesas de diálogo, que preserve as vidas e os bens do pobo ucraíno. Esta guerra ten que rematar xa, cada día que pasa suma máis vítimas, máis dor, máis desarraigo, máis refuxiados e refuxiadas e pon en perigo a toda a humanidade.

Porque non hai guerras xustas ou inxustas, só TRISTES GUERRAS.

Porque a solidariedade, a cooperación, a empatía e a paz deben ser as ferramentas do noso futuro común.

Porque as nenas e os nenos, en todos os lugares, teñen o dereito inviolable de seren protexidos, de asistir as súas escolas, de estar coa súa familia e amigos, de non vivir baixo o terror dos bombardeos, de gozar do benestar e a paz necesarios para medrar libres, felices e seguros.

Porque ninguén “nace odiando senón que se aprende a facelo” (Nelson Mandela)




domingo, 29 de noviembre de 2020

CONTOS E MURAIS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Temos profes e alumnos/as ben artistas e co galo do Día Contra a Violencia de Xénero fixeron uns murais ben vistosos.


Os máis pequenos e pequenas do cole celebraron esta conmemoración a través de contos.
3 ANOS:

5 ANOS 
Co conto "Orellas de Bolboreta" aprendemos que ninguen ten dereito a lastimarnos nin pegando nin con insultos. Todos e todas temos defectos pero tamén moitas cousas boas!

2º NIVEL DE E.P.
No caso de 2º de E.P. utilizaron o conto "¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?" para saber que as nenas tamén poden cazar dragóns, volar en globo ou embarcarse na procura de aventuras.
E ademáis diso non sempre visten de rosa!

martes, 3 de marzo de 2020

DECÁLOGO PARA FACER PELÍCULAS SEN ESTEREOTIPOS SEXISTAS

O proxecto Creando Igualdade empeza a recoller o seus froitos. 
O alumnado que se está a dedicar á análise e creación de películas sen estereotipos de xénero elaborou, guiado polo profesorado, un decálogo para recoñecer cando unha película non é machista. 
Aquí o tedes: 

domingo, 1 de marzo de 2020

KUDIA, O NOSO NOVO "CHIMPAMIGO"

A recollida de móbiles vellos dentro do programa "Movilízate por la Selva" estanos a traer boas novas a miúdo. Despois de Anzac, Cheemppo e Hiila sumamos a Kudia ao noso grupo de chimpancés apadriñados. 
As noticias que nos chegan de Kudia e do resto dos nosos chimpancés apadriñados é que seguen adaptándose e gozando de nova vida na illa de Tchindzoulou. Os coidadores do Instituto Jane Goodall supervisan a Kudia e as súas compañeiras a medida que exploran o bosque da illa. A súa dieta diaria consiste en bananas, papaias laranxas, pomelos, piñas, sandías, patacas, pementos , arroz cocido, puré de soia e algunhas verduras. O persoal do IJG prepara coidadosamente todos os alimentos no campamento e póñenos en caixas para logo subilas a un barco que cruza o río Kouilou para chegar ata a illa onde están.
Kudia e os demais esperan con impaciencia e entusiásmanse anticipando o momento da comida, abrazándose e gritando mentres esperan.

DÍA MUNDIAL DAS ENFERMIDADES RARAS


Desde o 2008 o último día do mes de febreiro ten lugar a conmemoración do Día das Enfermidades Raras.
As enfermidades raras son patoloxías ou trastornos que afectan a unha pequena parte da poboación e que, polo xeral, teñen un compoñente xenético. Na actualidade cerca dun 8% da poboación as padecen. 
Con motivo deste día o alumnado de 6º de E.I. puido gozar da presenza de Sara Aramburu, autora do libro "Darío" un rapaz ben coñecido e querido no noso cole que padece unha desas enfermidades raras, o Síndrome de Sturge Weber. Neste pequeno encontro falaron da importancia que ten a investigación neste tipo de enfermidades pero tamén do importante que é poñer en valor os súperpoderes que todos temos para poder contribuír na sensibilización e difusión destes casos.
TI PODES, TI ES CAPAZ E XUNTOS AÍNDA O SOMOS MÁIS!

miércoles, 26 de febrero de 2020

CANTO TEMPO PERDURARÁN OS RESIDUOS DA TÚA MERENDA?

Tomamos prestada esta imaxe de Teachers For Future para seguir traballando e concienciado a toda a comunidade educativa sobre a importancia dunha redución e uso responsable dos plásticos. 
O feito de tirar un pequeno envoltorio de plástico ao chan parece algo insignificate pero sabemos realmente o tempo que tarda en degradarse? Somos conscientes de a onde vai a parar na maioría das ocasións? Que supón para a nosa saúde e a do planeta?
Cambiemos pequenos hábitos, ensinemos ás novas xeracións a valorar e coidar a contorna.

viernes, 14 de febrero de 2020

EMOCIÓNS VOADORAS, verbas que trae o vento


O día 15 de febreiro declarouse coma o Día Internacional dos nenos e nenas con cancro.
Este ano unímonos a unha fermosa iniciativa da Aula Hospitalaria do Materno Infantil da Coruña que leva por nome “Emocións voadoras, verbas que trae o vento” e que ten por obxectivo encher de grúas, con mensaxes de ánimo e positividade, os teitos e corredores das salas de oncoloxía pediátrica do Materno.
E...por que grúas de papel? Segundo unha lenda xaponesa o teu maior desexo pódese facer realidade se consigues facer mil grúas de papel. Así foi como Sadako Sasaki, unha  nena víctima da bomba de Hiroshima, animada por Chizuko, unha das súas amigas, comezou a construír grúas para poder pedir o desexo de curarse e de que terminase a guerra. Na actualidade existen diferentes monumentos en memoria a Sadako e as grúas orixinais que elaborou atópanse no Museo Memorial da Paz de Hiroshima. 
En España diagnostícanse una 1400 novos casos de nenos con cancro de 0 a 18 años cada ano. A pesar de ser unha enfermidade rara, o cancro infantil aínda é a principal causa de morte ata os 14 anos. A taxa de supervivencia de 5 anos de 0 a 14 años chega case ao 80%, segundo a Sociedade Española de Hemato-Oncoloxía Pediátrica. Un feito esperanzador que aspira a ser o 100% xa que unha soa morte por cancro infantil é demasiado.
E así de bonito e acolledor está quedando a zona do hospital de día de pediatría.

miércoles, 12 de febrero de 2020

O CAMBIO CLIMÁTICO EXISTE...VAIA SE EXISTE!

O martes día 11, os nenos e nenas de 5ºC visitaron o centro de maiores de Arteixo para charlar con eles sobre os cambios do clima e da paisaxe, comparando o entorno cando os avós eran máis novos e como está agora.
Reflexionaron con eles comparando os modos de vida de agora e de antes a través das experiencias vitais dos avós e dos nenos. Intercambiaron opinións e lles explicaron todas as iniciativas que se están a desenvolver no colexio para preservar o medio ambiente. Os avós deron a súa aprobación ás accións que se están a poñer en marcha e os animaron a continuar nesa liña para que cando sexan maiores poidamos seguir disfrutando do noso marabilloso planeta.
Como conclusión a rapazada sinalou que xa non teñen dúbida: o cambio climático existe!

domingo, 9 de febrero de 2020

CREANDO IGUALDADE CON XAN EGUÍA

Como apoio ao proxecto "Creando Igualdade", ao redor de contos infantís, películas, publicidade e a súa relación con temáticas de xénero e igualdade, Xan Eguía, mestre e licenciado en Filosofía, levou a cabo un taller  baseado nunha actitude crítica e "filosófica" ante o tema a tratar.
Guiou ao alumnado  cara a pregunta "por que" ante calquera imaxe ou estereotipo que atopamos. Para iso, remontáronse aos mitos e mesmo a patróns estéticos acerca da muller na pintura do século XIX, o cinema, a publicidade, o cómic, a literatura ou as películas infantís. 
Para dar sentido ao aprendido, analizaron finalmente imaxes moi diversas para aprender a recoñecer todos estes patróns, estereotipos e arquetipos. 

domingo, 2 de febrero de 2020

DOUS NOVOS APADRIÑAMENTOS: CHEEMPO E HIILA

Cheempo e Hiila son os novos chimpancés apadriñados grazas a participación de toda a comunidade educativa que está a traer os seus móbiles vellos para enviar ao programa "Movilízate por la selva". 
Dende o Instituto Jane Goodall envíannos este documento onde nos explican moi ben todo o que están a facer con estes e outros chimpancés no Congo. 


SÍMBOLOS HUMANOS POLA PAZ

Este ano unímonos á iniciativa proposta por Amnistía Internacional e conmemoramos o Día da Paz realizando diferentes símbolos que nos quedaron ben xeitosos. 
Ademais diso, leváronse a cabo distintas actividades organizadas por cada un dos niveis de infantil e primaria. Esta é unha pequena mostra.
Este curso, a canción elixida para interpretar foi o Himno da Alegría de Miguel Ríos. 

viernes, 31 de enero de 2020

SEGUIMOS A CREAR IGUALDADE

O noso proxecto "Creando Igualdade" segue crecendo pouco a pouco. Neste mes de xaneiro as actividades principais centráronse na reflexión e procura de estereotipos sexistas tanto nos contos coma na publicidade e nas series de debuxos animados. 
As aulas dedicadas á publicidade fixeron unha análise de todos os spots publicitarios aos que estivemos expostos a pasada campaña de Nadal, e chegaron a conclusións comas as seguintes: 
- os anuncios de coches de xoguete sempre son protagonizados por nenos ao igual que os das bonecas por nenas. As bonecas as presentan en profesións dedicadas á atención dos outros: amas de casa, enfermeiras, mestras,...non atoparon ningún anuncio onde as nenas teñan o papel de astronautas ou mecánicas, por exemplo.
- déronse conta do papel de coidadoras que se lle atribúe ás mulleres e en contraposición destacaron dos homes o papel de aventureiro e heroes, sempre máis fortes. 
- en canto aos canons de beleza, ámbolos dous seguen prototipos similares: mulleres altas e esveltas, homes musculosos. 

As aulas centradas nos contos estudan os roles de Sherlock Holmes e Mary Poppins e afondan noutros contidos que, á vez, melloran a competencia lingüística. Así é algún do material elaborado polas mestras para introducir novos contidos e levar a cabo unha gamificación que motive ao alumnado e lle dea coherencia a toda a trama do proxecto.

lunes, 27 de enero de 2020

PILABOT: RECICLA CON ENERXÍA

Pilabot é un robot que foi creado para cumprir unha misión: protexer o medio ambiente minimizando a contaminación xerada polos residuos de pilas. Fabricárono co obxectivo de realizar unha recollida selectiva de pilas e xa o temos  no noso cole agardando todas as pilas gastadas que teñades na casa. 

A Xunta de Galicia xunto a Ecopilas, ERP e Ecolec, promoven a segunda edición desta campaña de recollida selectiva de pilas e acumuladores portátiles nos centros educativos de Galicia. O Concurso Pilabot repartirá catro premios entre os centros educativos que máis pilas recollan.

domingo, 26 de enero de 2020

EQUIPO DE MEDIACIÓN 2019/2020

No CEIP Ponte dos Brozos seguimos a valorar a importancia de que o noso alumnado saiba enfrontarse á resolución dos problemas de xeito construtivo. Por iso un curso máis volvemos a poñer en marcha o xa coñecido Equipo de Mediación. Este ano formado por Breogán, Claudia Méndez, Jorge e Claudia Collazo, todos de 6º de E.P.
Durante o primeiro trimestre tivo lugar a formación deste alumnado voluntario e nestes momentos estamos no proceso de difusión para que toda a rapazada do cole teña claro en que consiste a mediación e como facer uso dela.
A resolución de conflitos coa axuda dunha terceira persoa, o mediador ou mediadora, é un proceso voluntario e non competitivo que pretende desenvolver, tanto nos mediadores coma no alumnado obxecto de mediación, habilidades comunicativas e sociais e unha maior empatía. 
A medio e longo prazo a mediación persegue mellorar o clima escolar, ter novas estratexias para resolver os problemas de xeito pacífico, diminuír a conflitividade e facer máis responsable ao alumnado conseguindo unha maior implicación deste na vida do centro. 

viernes, 17 de enero de 2020

BOTAS E PARAUGAS DE CAMIÑO A MOZAMBIQUE

Grazas a vosa colaboración o cole conseguiu xuntar 60 pares de botas e 101 paraugas! Moitísimas grazas! 
A isto temos que sumarlle o recadado nas EEI de Arteixo e na EEI A Caracola (Mesoiro) que participaron connosco nesta iniciativa. 
Como vos contabamos noutra entrada do blog a recollida comezou o 20 de novembro, con motivo da celebración do Día da Infancia e pretende, ademais de axudar á rapazada das zonas máis desfavorecidas de Mozambique, educar na solidariedade e na toma de conciencia das necesidades alleas.
Xa está todo listo para que os integrantes do Proxecto Sementes do Amanha as leve ao seu destino. 

martes, 14 de enero de 2020

ANZAC, O NOSO PRIMEIRO APADRIÑAMENTO

Presentámosvos a nosa primeira chimpancé apadriñada grazas a recollida de móbiles que se está a levar no cole dentro da campaña "Movilízate por la selva". 
Aznac é unha pequena chimpancé á que lle falta un brazo e que vive no Centro de Recuperación de Chimpancés de Tchimpounga, na República do Congo, onde o Instituto Jane Goodal atende ás necesidade de máis de 150 chimpancés. 
A iniciativa está resultando moi motivadora para o alumnado e así o mostran nos seus debuxos: 


jueves, 9 de enero de 2020

CAMPAÑA DE RECICLAXE DE MÓBILES PARA PROTEXER OS ECOSISTEMAS AFRICANOS

Recollemos os vosos móbiles vellos e ademais de coidar o medio ambiente conseguimos apadriñamentos de chimpancés do Instituto Jane Goodall.
En España existen máis de 56.000.000 de liñas de teléfonos móbiles para uns 47.000.000 de habitantes. A este impresionante número de terminais deben engadirse aqueles móbiles máis antigos que se cambian por outros e que os cidadáns gardan ou tiran ao lixo, sendo a taxa de reciclaxe menos do 5%. Ao mesmo tempo, a explotación do coltan, un valioso mineral que fai posible a tecnoloxía dos nosos móbiles, computadores e consolas, está no centro dos enfrontamentos que producen milleiros de vítimas e refuxiados na República Democrática do Congo. A minería ilegal destrúe ademais os hábitats de especies como os chimpancés e gorilas, en grave perigo debido á caza furtiva e a deforestación. 

Se achegas o teu móbil en desuso ao cole podes axudar a: 
REUTILIZAR terminais e reducir a insostible demanda dos seus compoñentes. 
RECICLAR elementos útiles e dispor adecuadamente de materiais tóxicos, evitando a contaminación do medio. 
RECADAR FONDOS PARA OS PROGRAMAS DE DESENVOLVEMENTO, EDUCACIÓN E CONSERVACIÓN DO CONGO, como o do Centro de Recuperación de Chimpancés do Instituto Jane Goodall en Tchimpounga. Alí cóidase de máis de 150 chimpancés rescatados e realízanse programas de desenvolvemento sostible coa comunidade local. 

martes, 7 de enero de 2020

ENTREGA DE PREMIOS DO CONCURSO DO BANCO DE ALIMENTOS

A finais do curso pasado contabámosvos que os debuxos de tres alumnas do noso centro (dúas delas xa no instituto) foran premiados polo Banco de Alimentos Rías Altas na campaña "Contra a pobreza e o despilfarro de alimentos". Antes do Nadal recibiron o seu merecido recoñecemento. 
Queremos felicitalas de novo e anunciar que o traballo de Claudia Carballido Naya foi premiado tamén a nivel nacional pola profundidade e reflexión da mensaxe que acompaña ao debuxo. Parabéns!


Claudia Carballido (gañadora nacional) e
Paula Pose (gañadora provincial)

Dina Bravo, gañadora ao mellor debuxo do cole, acompañada dos representantes do Banco de Alimentos.
Debuxo de Claudia Carballido,
premiado a nivel nacional.
Debuxo de Paula Pose,
premiado a nivel provincial.
Debuxo de Dina Bravo, premiado a nivel de centro.


jueves, 19 de diciembre de 2019

POR UN NADAL CONCIENCIADOS CO MEDIO AMBIENTE

Algunhas ideas do colectivo Teachers for Future, do que formamos parte, para facer destas datas unha oportunidade para seguir aprendendo e coidando o planeta.
FELICES FESTAS!
teachersforfuturespain.org

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS

Con motivo da celebración, o 10 de decembro, do Día Internacional dos Dereitos Humanos, fixemos en 6º curso de E.P. dúas accións da Rede de Escolas polos DDHH de Amnistía Internacional:
"Regala as túas palabras" é unha iniciativa que consiste en escribir postais a presos e presas de conciencia, manifestándolle a nosa solidariedade. Ao recibilas, aínda que sexa nun idioma que non comprenden, saberán que a súa inxustiza é coñecida, que no son vítimas esquecidas e ademais axudarán a que a súa situación cambie. 
Os tres casos do 2018 foron liberados. Este ano traballamos en favor de: Tashi Wangchuk (China), Anastasia Shevchenko (Rusia) e José Guía (Cuba). 
Maratón 10 decembro, recollemos sinaturas para que mellore a situación de:
Marinel Sumook, activista polo cambio climático. Sarah Mardini e Sean Binder, en risco de ir ao cárcere por axudar ás persoas refuxiadas. Yasaman Aryani,desexa que as mulleres decidan libremente levar ou non o veo, foi condenada a 16 anos de prisión.

E para chegar ata estes niveis de reflexión, o traballo debe de comezar dende idades temperás. Un exemplo do traballo na etapa de infantil é o da aula das Ras (5ºA).
Investigaron sobre que era iso dos dereitos humanos e chegaron a conclusión de que todos os nenos e nenas do mundo deben ter dereito, entre outras moitas cousas: a unha casa, a un cole onde aprender moitas cousas, a unha gardería, a un prato de lentellas, a unha profe que lles diga “Ola cariño”, a unha mochila chula para levar o taper da merenda, a uns pais que os coiden, a unha pediatra que lles poña o termómetro… e sobre todo a ter sempre un gran sorriso.
E para festexar o dia construíron entre todos/as un poboado de Nadal cheo de bos desexos.