Mostrando entradas con la etiqueta RedPea. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta RedPea. Mostrar todas las entradas

viernes, 29 de abril de 2022

RECADACIÓN MARCAPÁXINAS SOLIDARIOS SAVE THE CHILDREN

Hoxe fixemos o ingreso da recadación dos marcapáxinas solidarios de Save the Children. 

Grazas a todos e todas conseguimos xuntar 1001,13 €. Nesta edición os cartos van destinados a programas contra a desnutrición infantil no Corno de África,  unha das rexións máis pobres do mundo onde a fame é unha ameaza constante. Ademais sofre unha seca sen precedentes debido ao cambio climático e hai máis de dous anos que non chove o que supón falta de auga potable e morte do gando.

Moitas grazas a toda a comunidade educativa por acoller sempre tan ben as accións solidarias organizadas polo cole. 

jueves, 28 de abril de 2022

SEGUIMOS A COMPARTIR O NOSO TEMPO: XUNTOS NO HORTO

Hai uns días a aula de 6ºC visitou aos avós e avoas do centro de maiores de Arteixo para axudarlles nos traballos do seu horto que o teñen moi chulo! Plantaron con eles sementes de flores. Primeiro puxeron terra e abono en vasos e despois botamos a semente de distintas flores, todas moi coloridas. 
E onte volvemos, porque todo horto que se valore ten que ter un espantallo, así que alí nos presentamos os de 5ºA para facer un coa axuda necesaria dos maiores que diso saben moito!
Levaron a palla pola mañá e nós levamos os paus para aguantar o espantallo, a roupa para poñelo guapo e os complementos para mellorar o modelo: as flores e un colgante. Un éxito. A operación de montaxe estivo supervisada polo avó Juan, que como gran maquetista, disto sabe moito. Menos mal que entre todos e todas conseguimos poñelo en pé e con moita expectación comprobamos que aguanta sen problema! Non quedaba máis que poñerlle nome. Ales, así lle chamamos. 
De novo pasamos unhas horas cheas de anécdotas e bos momentos e xa estamos desexando volver!

domingo, 3 de abril de 2022

EU PLÁNTOME POLO CLIMA!

O pasado venres 25 de marzo, toda a rapazada do cole uniuse á convocatoria que fixeron as nenas e nenos de 6º de Primaria para manifestarnos polo clima, coincidindo coa Folga que tódolos anos convoca Fridays for Future, rapaces e rapazas de todo o mundo que loitan porque os gobernos tomen medidas para reducir as emisións de gases que están a subir perigosamente a temperatura do noso planeta. Este ano o lema era “Eu plántome polo clima”. Ademais, todos os cursos elaboraron pancartas con diferentes lemas que nos lembran que debemos coidar o noso planeta. A manifestación percorreu todo o recinto escolar berrando consignas polo clima e rematou diante do horto “plantándonos” e cantando polo clima.



viernes, 1 de abril de 2022

BASURALEZA

A semana pasada o alumnado de 6º e de 4º de Educación Primaria levou a cabo unha actividade denominada” BASURALEZA” cuxo obxectivo era facer unha limpeza dos areais do noso concello co fin de concienciarnos do uso abusivo dos plásticos e dos danos que están facendo nos ecosistemas. Contamos coa colaboración de Xabier Maceiras (escritor, guionista e documentalista galego), que nos falou da importante tarefa de concienciación que debemos levar a cabo nas casas para facer un uso responsable dos plásticos e de non tiralos polo baño senón no lugar axeitado. 

Posteriormente, o alumnado fixo unha recollida de lixo no areal de Barrañán e no do Rañal. Ao rematar houbo unha posta en común e unha reflexión sobre o lixo atopado: tipoloxía, uso, procedencia. Atoparon lixo de moito tipo pero o que máis lles sorprendeu foi atopar centos de cabichas, cordas, mecheiros, paquetes de tabaco, xoguetes, micro plásticos, unha raqueta de badmintón, restos dunha vasoira, dun zapato, ... dun iogur Chamburcy, unha marca que xa non está no mercado desde hai máis de 20 anos. 

O que se puxo de manifesto foi que temos un grande problema co plástico e temos que resolvelo xa! Todas e todos somos conscientes deste problema por iso a nosa misión é concienciar á comunidade para que non tire lixo nas praias nen noutros lugares senón no lugar que lle corresponde. 

Moitas veces eses plásticos acaban no mar e en moitos casos acaba no estómago dos peixes que comemos. Xa hai un dato que indica que as persoas comemos ao ano 2 g de plástico a través dos peixes que cociñamos nas nosas casas.

Nestes momentos hai unha illa de plástico no Pacífico que ten o tamaño da illa de Mallorca. Ese plástico ao irse deteriorando e degradándose e convértense en boliñas do tamaño dunha lentella. Esas boliñas aparecen na área das nosas praias e son inxeridas polos animais máis pequenos que se alimentan preto da superficie, os cales despois son alimento para especies de maior tamaño (ciclo da cadea alimenticia, o grande cómese ao pequeno), que tamén acaban afectados.

A isto engádeselle que estes fragmentos plásticos desprenden substancias tóxicas que afectan ao auga e aos seres vivos que a habitan, e en consecuencia introdúcense na cadea trófica e poden acabar na nosa dieta. 

Pois por todo isto o alumnado e o profesorado do CEIP Ponte dos Brozos xunto con Xabier Maceiras debuxaron a palabra SOS na area facendo visible unha chamada urxente a acción. 

NON MÁIS PlÁSTICOS NA COSTA, NOS MARES,  NA TERRA, NOS BOSQUES...

AXUDA!

SOS


domingo, 27 de marzo de 2022

PESCADORES SOSTIBLES, GRAZAS.

Este mes, no cole, participamos nunha iniciativa educativa moi interesante de Teachers for Future Spain en colaboración con MSC (Marine Stewardship Council) chamada “Mares para sempre”. O que fixemos foi escribir e debuxar postais a pescadores sostibles. Primeiro informámonos sobre o seu traballo, que nos parece importantísimo. Estes pescadores evitan a sobrepesca e coidan os ecosistemas mariños. Na postal agradecémoslles o seu bo labor e aproveitamos para facerlles preguntas sobre o seu traballo. Estamos desexando recibir as súas respostas!

#Maresparasempre #Maresparasiempre @MSCpescasostenible @TeachersForFutureSpain




domingo, 20 de marzo de 2022

MANIFESTO POLA PAZ

O pasado venres xuntámonos para ler o manifesto pola paz que se elaborou desde as Rede de Escolas Asociadas da UNESCO da que formamos parte. 

Como é posible que unha nova guerra se desencadee en Europa despois de sufrir dúas guerras mundiais?.

Por que unha vez máis debemos facer fronte ao fracaso da convivencia?.

Non hai nada que xustifique o padecemento do pobo de Ucraína pola invasión e ataque de Rusia, un acto que viola o dereito internacional, a convivencia pacífica e o diálogo. Non debemos esquecernos doutras guerras invisibilizadas (Xemen, Palestina, Sáhara, Siria, Iraq ou Libia)  porque poñen en perigo a toda a humanidade.

A guerra tamén ameaza directamente o dereito á educación das nenas e dos nenos. NON DEBEMOS ESQUECER XAMAIS QUE A EDUCACIÓN É UN DEREITO UNIVERSAL E O ACESO AO COÑECEMENTO DEBE SER PÚBLICO. A educación é a ferramenta que garante un futuro equitativo, xusto, libre, sustentable e pacífico.

Por todo isto a Rede de Escolas Asociada da UNESCO quere sumarse ao NON A GUERRA, pide ás Nacións Unidas e aos países que freen esta violencia, que abran mesas de diálogo, que preserve as vidas e os bens do pobo ucraíno. Esta guerra ten que rematar xa, cada día que pasa suma máis vítimas, máis dor, máis desarraigo, máis refuxiados e refuxiadas e pon en perigo a toda a humanidade.

Porque non hai guerras xustas ou inxustas, só TRISTES GUERRAS.

Porque a solidariedade, a cooperación, a empatía e a paz deben ser as ferramentas do noso futuro común.

Porque as nenas e os nenos, en todos os lugares, teñen o dereito inviolable de seren protexidos, de asistir as súas escolas, de estar coa súa familia e amigos, de non vivir baixo o terror dos bombardeos, de gozar do benestar e a paz necesarios para medrar libres, felices e seguros.

Porque ninguén “nace odiando senón que se aprende a facelo” (Nelson Mandela)




domingo, 13 de marzo de 2022

AS NOSAS DEPORTISTAS

Neste pasado 8 de marzo quixemos por en valor a algunhas das nosas deportistas máis laureadas. Dar a coñecer referentes femininas no mundo do deporte normaliza a súa práctica entre as nosas rapazas. 

Traballamos a partir desta presentación que podedes ver picando na imaxe. 

Tamén xogamos e comprobamos o aprendido a partir destes xogos. Picade nas imaxes e animádevos a xogar!


Por suposto non faltaron os murais decorando os corredores!
Teresa Portela mostrou con orgullo o traballo dos nenos e nenas de 3º de E.P. nas súas redes. 
Os máis pequenos tamén dedicaron tempo a esta data sinalada traballando a través de diferentes contos, xogos e manualidades. Aquí tedes unha pequena mostra:


viernes, 18 de febrero de 2022

IX ENCONTRO DE ALUMNADO DE ESCOLAS ASOCIADAS DA UNESCO: DEPORTE E PAZ

Esta semana o Club de Ciencia do CEIP Ponte dos Brozos participou no IX Encontro Galego da Rede de Escolas Asociadas á Unesco, integrada por preto de 17.000 centros educativos de todo o mundo. Preto de 70 alumnos e alumnas de dez dos centros galegos tiveron a oportunidade de asistir ao Pazo da Cultura de Pontevedra e desfrutar deste encontro que tiña por lema "Deporte e Paz”.

O  noso alumnado de 6º de Primaria deu boa conta dos traballos que se realizan no Club e que tratan de concienciar sobre o coidado do medioambiente. Parabéns!!!

Xan Cousillas participou no discurso inaugural.


Fiorella Acurso encargouse de expor o traballo realizado no Club de Ciencia.

E tamén houbo tempo para o lecer!


jueves, 10 de febrero de 2022

MÁIS MULLERES E NENAS NA CIENCIA!

O día 11 de febreiro é o Día Internacional da Nena na Ciencia, data que se elixiu para recoñecer o rol crítico que xogan as mulleres e as nenas na ciencia e a tecnoloxía. 

A pesar de que a ciencia e a igualdade de xénero son fundamentais para un desenvolvemento sostible a presenza das mulleres segue a ser minoritaria xa que, segundo a UNESCO,  menos do 30% das persoas investigadoras son mulleres. 

Co gallo disto levamos a cabo un pequeno experimento co que queríamos comprobar como imaxina o noso alumnado que é o mundo da investigación científica. 

Expómoslles a seguinte imaxe e pedímoslles que debuxaran que persoas cren que traballarían neste laboratorio que está centrado en investigar  novas menciñas para mellorar a nosa saúde.


Imaxinarán laboratorios cheos de mulleres e homes científicos ou reflectirán esa diferenza real entre ambos sexos?
Participaron un total de 247 nenos e 270 nenas e estes foron os resultados: 
Máis da metade dos nenos debuxaron só homes no laboratorio, seguido dun 44% que imaxina que tanto homes coma mulleres traballan na investigación científica. Só o 3% debuxou mulleres exclusivamente.
En canto as nenas máis da metade (un 54%) reflicte que o traballo nese laboratorio lévano a cabo tanto mulleres coma homes, seguido dun 39% que imaxina só a mulleres nesa labor. Só o 7% debuxou a homes exclusivamente. 
A igualdade de xénero ten que seguir a ser un tema educativo relevante. O empoderamento de mulleres e nenas e acadar unha verdadeira igualdade de xénero contribuirá de xeito decisivo ao progreso de toda a sociedade e contribuirá nas metas propostas da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible. 

Na seguinte ligazón podedes atopar a serie que leva por título  “La mujer en la ciencia”. Trátase de animacións que narran a biografía de científicas relevantes no seu campo pero que son descoñecidas para o público xeral. Pica na imaxe!

domingo, 30 de enero de 2022

VIVAN OS XESTOS CON VALORES! DÍA DA PAZ 2022

Aínda que a pandemia segue a poñer as cousas algo difíciles, seguimos intentando buscar momentos que unan a todo o centro. O venres pasado foi un deles. 

 "Vivan las manos de colores" foi a canción elixida para traballar o Día da Paz. Entorno a ela fixéronse diferentes actividades manuais e tivemos ocasión de bailala todos xuntos no patio. Foi un anaco moi divertido!