viernes, 1 de abril de 2022

BASURALEZA

A semana pasada o alumnado de 6º e de 4º de Educación Primaria levou a cabo unha actividade denominada” BASURALEZA” cuxo obxectivo era facer unha limpeza dos areais do noso concello co fin de concienciarnos do uso abusivo dos plásticos e dos danos que están facendo nos ecosistemas. Contamos coa colaboración de Xabier Maceiras (escritor, guionista e documentalista galego), que nos falou da importante tarefa de concienciación que debemos levar a cabo nas casas para facer un uso responsable dos plásticos e de non tiralos polo baño senón no lugar axeitado. 

Posteriormente, o alumnado fixo unha recollida de lixo no areal de Barrañán e no do Rañal. Ao rematar houbo unha posta en común e unha reflexión sobre o lixo atopado: tipoloxía, uso, procedencia. Atoparon lixo de moito tipo pero o que máis lles sorprendeu foi atopar centos de cabichas, cordas, mecheiros, paquetes de tabaco, xoguetes, micro plásticos, unha raqueta de badmintón, restos dunha vasoira, dun zapato, ... dun iogur Chamburcy, unha marca que xa non está no mercado desde hai máis de 20 anos. 

O que se puxo de manifesto foi que temos un grande problema co plástico e temos que resolvelo xa! Todas e todos somos conscientes deste problema por iso a nosa misión é concienciar á comunidade para que non tire lixo nas praias nen noutros lugares senón no lugar que lle corresponde. 

Moitas veces eses plásticos acaban no mar e en moitos casos acaba no estómago dos peixes que comemos. Xa hai un dato que indica que as persoas comemos ao ano 2 g de plástico a través dos peixes que cociñamos nas nosas casas.

Nestes momentos hai unha illa de plástico no Pacífico que ten o tamaño da illa de Mallorca. Ese plástico ao irse deteriorando e degradándose e convértense en boliñas do tamaño dunha lentella. Esas boliñas aparecen na área das nosas praias e son inxeridas polos animais máis pequenos que se alimentan preto da superficie, os cales despois son alimento para especies de maior tamaño (ciclo da cadea alimenticia, o grande cómese ao pequeno), que tamén acaban afectados.

A isto engádeselle que estes fragmentos plásticos desprenden substancias tóxicas que afectan ao auga e aos seres vivos que a habitan, e en consecuencia introdúcense na cadea trófica e poden acabar na nosa dieta. 

Pois por todo isto o alumnado e o profesorado do CEIP Ponte dos Brozos xunto con Xabier Maceiras debuxaron a palabra SOS na area facendo visible unha chamada urxente a acción. 

NON MÁIS PlÁSTICOS NA COSTA, NOS MARES,  NA TERRA, NOS BOSQUES...

AXUDA!

SOS


No hay comentarios:

Publicar un comentario